viernes, 1 de julio de 2022

TODO PREPARADO PARA A FIN DE SEMANA DA XXIX FESTA DE EXALTACIÓN DO PAN DE CEA

 


Mañá celebrarase a VIII Ruta dos Fornos cun percorrido gastronómico por 6 fornos tradicionais da localidade

O domingo 3 de xullo será a xornada grande no Campo da Saleta de San Cristovo de Cea

Os 13 fornos tradicionais do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea traballan arreo para unha intensa fin de semana de celebración. Son 2.000 as pezas que se teñen previsto vender este domingo, durante a xornada grande desta cita co produto gastronómico máis senlleiro de San Cristovo de Cea.

A programación da XXIX Festa de Exaltación do Pan de Cea dará comezo mañá sábado coa VIII Ruta dos Fornos, que levará ás persoas visitantes por un percorrido gastronómico por 6 fornos tradicionais. Máis concretamente, os Fornos da Eira, do Lodairo, do Parapeta, do Santo, do Abade e da Cebola. Os menús estarán compostos por distintos produtos con indicativo de calidade como os queixos con DOP Galicia, tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais, mexillóns ao vapor, empanada de Pan de Cea. As degustacións nos fornos tradicionais contarán tamén coa animación musical das agrupacións Charanga CLK, Candaira, Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras de Celavella e Pratos Mornos.

A primeira xornada festiva finalizará con dúas actuacións musicais. A primeira correrá a cargo do grupo Movilla y los Irresistibles, ás 22:45 horas, e Gin Toni’s, ás 0:30horas.  Ambas as dúas na Praza Maior de San Cristovo de Cea.

 

Actividades do domingo 3 de xullo

A xornada grande da XXIX Festa de Exaltación do Pan de Cea comezará o domingo 3 de xullo cun pasacalles a cargo de diversas charangas. Ás 12.00 horas realizarase a recepción de autoridades para despois proceder á lectura do pregón no Campo da Saleta. O pregoeiro será Jose Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nado en San Cristovo de Cea, quen será presentado por Marisa Crespo Leiro, recentemente nomeada filla predilecta deste concello e que tamén é unha cardióloga e investigadora destacada.

 

A continuación, ofrecerase unha degustación de produtos galegos con indicativo de calidade. As autoridades realizarán o tradicional percorrido polos distintos postos do Campo da Saleta. Entre eles, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará co stand institucional onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co expositor do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Xa ás 14.30 horas, terá lugar o tradicional xantar organizado ao que se prevé a asistencia de arredor de 400 persoas.

 

E para finalizar unha intensa xornada de celebración, ás 19:00 horas haberá unha degustación gratuíta de chourizos ao viño con Pan de Cea. O final de festa comezará a partires das 20.00 horas, con orquestra.

 

Dende a organización da XXIX Festa da Exaltación do Pan de Cea animan á veciñanza e visitantes a gozar da ampla programación de actividades previstas para esta fin de semana.

0 comentarios:

Publicar un comentario