Este festival unirá sabores, música e produto de
proximidade coa promoción do viño da Denominación de Orixe Ribeiro
Os concellos de A Arnoia, Castrelo de
Miño e Cenlle serán sedes da terceira edición do “Espírito Ribeiro”, festival
de sabores, música, mercado e produto de proximidade. Un evento que foi
presentado hoxe martes no parque náutico de Castrelo de Miño polos alcaldes a
Arnoia, Rodrigo Aparicio; Castrelo de Miño, Avelino Pazos; e Cenlle, Rebeca
Sotelo; quen estiveron acompañados pola vicepresidenta primeira da Deputación
de Ourense, Marta Novoa; o director do AGACAL, José Luís Cabarcos; o director
de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o delegado territorial da Xunta en
Ourense, Gabriel Alén; e o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares.
O primeiro edil de Castrelo de Miño falou en nome dos tres alcaldes para
agradecer a colaboración de Deputación, Xunta e da Denominación de Orixe
Ribeiro na organización deste festival. “Tres concellos irmáns démonos a man
para promocionar o viño da denominación de orixe Ribeiro, que é o motor
económico da nosa comarca. O fin é promocionar o viño, os produtos de
proximidade, a gastronomía e os deportes náuticos aquí en Castrelo de Miño”,
asegurou Avelino Pazos.
Pola súa banda, na súa primeira visita oficial a Castrelo de Miño a
vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa. comprometeu “total
colaboración con estas actividades que promocionan o noso patrimonio natural,
vitivinícola e cultural” e desexou “que nos acompañe o tempo”.
Para o director do AGACAL, José Luís Cabarcos, “Espírito Ribeiro” é unha
“oportunidade de xuntar tres concellos, que buscan sinerxias para compartir un
territorio, unha paisaxe e un produto como é o viño. Todo isto combinado cun festival
de sabores, música e mercado de proximidade a nós nos parece unha oportunidade
excepcional”. Neste sentido, fixo fincapé en que os mercados de proximidade son
“unha medida importante para a xeración de riqueza no territorio, circuítos
cortos que pensamos que son unha oportunidade magnífica para que os
viticultores amosen as súas produción e poidan explicar a riqueza que temos
neste territorio”.
Finalmente, o director de Turismo de Galicia destacou que “Espirito
Ribeiro” é un evento que “aglutina as tres principais motivacións polas que o
turismo se achega a Galicia: a natureza (onde os territorios naturais da
comarca do Ribeiro son excepcionais), a enogastronomía e a cultura”. Xosé
Manuel Merelles indicou que o festival volve a contar co apoio do Goberno
galego xa que supón un importante reclamo turístico e xera un impacto positivo
nas economías dos concellos participantes
Escaparate perfecto para as terras do
Ribeiro
Finalmente, o coordinador de “Espírito Ribeiro”, Juan Rivas, explicou que
“este innovador festival, que fusiona sabores exquisitos, músicas envolventes e
un mercado cheo de produtos locais, consolídase un ano máis como o escaparate
perfecto para as terras do Ribeiro e o seu tesouro máis prezado: o viño con
Denominación de Orixe Ribeiro. Durante tres días, do 1 ao 3 de setembro, a
rexión mergullarase nun ambiente de celebración, promovendo as virtudes que fan
da D.O. Ribeiro un emblema cultural e culinario”.
Para Juan Rivas, "Espírito Ribeiro" é moito máis que un festival,
“é unha experiencia que abarca a esencia mesma da D.O. Ribeiro. O corazón do
evento late nun vibrante mercado onde os produtos autóctonos e a artesanía
local toman o centro do escenario, rendendo homenaxe á proximidade e á
autenticidade. Doutro lado está a música que eleva a alma, as risas que enchen
o aire e os trucos de maxia que asombran”.
Así, explicou que a programación de "Espírito Ribeiro" foi
deseñada meticulosamente para ofrecer algo para todos. Desde as melodías
cativadoras da Real Banda de Gaitas de Ourense, que contarán coa colaboración da
cantante Lucía Pérez, ata a destreza musical de Xabier Vizcaíno, os éxitos
interpretados por Wondercovers e Top Secret, os ritmos contaxiosos da Banda de
Nash, e a maxia fascinante do Mago Teto xunto co encanto de Carole Kings, e Dr.
Slump con un magnífico repertorio de música pop. Todos únense en harmonía para
deleitar a un público diverso.
Programación
A xornada inaugural do venres 1 de setembro terá lugar en A Arnoia e
abrirase cunha actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense, coa cantante Lucía
Pérez que interpretará Égloga Operística
Pastora da Serra Sola. Xabier Vizcaíno, coa súa banda ao completo, fará un
repaso das súas composicións. Finalmente, o grupo de versións Wondercovers
deixará a súa pegada no festival cun extenso repaso polos mellores temas da
historia do rock.
O sábado 2 de setembro, o festival de sabores trasladarase a Castrelo de
Miño. Aló, a cantante coruñesa Carolina Rubirosa porá a nota máis íntima co seu
pop acústico. Despois a Banda de Nash e Top Secret, grandes referentes galegos
coma bandas de versións, farán as delicias dos visitantes.
A sesión final, o domingo 3 de setembro, terá lugar en Cenlle. O Mago Teto
será o encargado de abrir a xornada cun espectáculo de maxia para todos os
públicos seguida da actuación de Carole Kings, cunha coidada selección de
éxitos do pop. Finalmente, o grupo Dr. Slump porá o broche de ouro á xornada
con clásicos da música pop dos oitenta e os noventa en español.
"Espírito Ribeiro" está organizado polos Concellos de A Arnoia,
Castrelo de Miño e Cenlle, e conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a
Deputación de Ourense. Dispón da colaboración da Denominación de Orixe Ribeiro,
Abril, Bétula Cars, Cabreiroa, Caldaria Hoteles y Balnearios e Gadis.