Mostrando entradas con la etiqueta Camino de Santiago. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Camino de Santiago. Mostrar todas las entradas

jueves, 24 de octubre de 2019

MAÑÁ CELÉBRASE “UN MAR DE GRAZAS”, EVENTO NO QUE MÁIS DE 60 EMPRESAS DO CAMIÑO FISTERRA - MUXÍA AMOSARÁN OS SEUS RECURSOS EN SANTIAGO


 
O sector profesional compostelán coñecerá os recursos desta ruta de peregrinación neste evento de Solpor Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019.- “Un MAR de GRAZAS” é o nome do evento organizado por Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, que se celebrará mañá Hostal dos Reis Católicos.

A partires das 19:30 horas iniciarase un workshop no que poderán coñecerse as propostas de máis de 60 empresas e colectivos participantes, cun formato especialmente acaído para todos os profesionais ligados aos camiños.

Xa dende as 21:00 horas desenvolverase o acto oficial, coa participación de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Jesús Picallo, presidente de Solpor; así como todos os alcaldes dos Concellos por onde transita esta prolongación xacobea a Fisterra-Muxia dente Santiago

Poráselle o ramo coa degustación de produtos da Costa da Morte e doutros concellos polos que pasa a ruta, o sorteo de estancias, música en directo e outras sorpresas.

Nesta cita, que está a levantar moita expectación, tamén estarán presentes alcaldes, concelleiros representantes sectoriais e empresarios chegados de distintos concellos do Camiño e de Compostela.

Esta iniciativa forma parte do programa O Teu Xacobeo, impulsado dende a Xunta de Galicia.

A Asociación Camiño do Solpor naceu no 2014 como a unión dos empresarios da contorna do Camiño Fisterra-Muxía que están vinculados, de calquera xeito, coa ruta. Así, nela entran albergues, hoteis, casas rurais, empresas de transporte, fisioterapia, provedores para a restauración…

Os seus obxectivos son promocionar este itinerario, mediar ante as administracións, loitar contra as malas prácticas, e, en xeral, mellorar a experiencia dos peregrinos que o escollen. Dende entón puxeron en marcha numerosas accións, como o portal https://www.caminodesolpor.gal/ ou o deseño dunha credencial deste vieiro e dun mapa cos lugares de interese da ruta.

Hoxe en día, Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, reúne a máis de 140 socios de 12 concellos: Ames, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Negreira, Outes, Santiago e Vimianzo.