miércoles, 16 de marzo de 2022

JORGE GAGO (A MACETA, SANTIAGO) E RUBÉN GONZÁLEZ (EL CAFETÍN, PONTEVEDRA) GAÑAN O CERTAME DE TAPAS POR GALICIA

 

Unha Gala Show Cooking organizada por Turismo de Galicia decidiu esta noite en Compostela os mellores petiscos da Comunidade en 2022


Jorge Gago (A Maceta, Santiago de Compostela) e Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra) son os mellores cociñeiros De Tapas por Galicia deste 2022. Os dous xefes de cociña recibiron os premios do xurado e do público, respectivamente, na gala showcooking organizada por Turismo de Galicia que se celebrou esta noite no Hotel San Francisco de Compostela.


A xornalista María Solar foi a encargada de conducir o acto, ao que asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor. No evento competían Jorge Gago, do restaurante A Maceta (Santiago); Daniel Bastos, do restaurante El Italiano Feo (Vigo); Gabi Conde‐Corbal, de Portovello (Ourense); José Luis Pardo Baamonde de El Boni (Lugo); Pablo Fuentes, de La Bodega de Estrella (Ferrol); Rubén González, de El Cafetín de la Alameda (Pontevedra); e Álvaro Victoriano, de Intenso Cocina Peculiar (A Coruña), gañadores dos concursos de tapas das sete maiores cidades.


“Podemos presumir de grandes chef e grandes produtos”, dixo no peche do evento a directora de Turismo, Nava Castro, destacando a creatividade dos cociñeiros de Galicia. “Temos estrelas Michelin, Soles Repsol e, sobre todo, xente que sabe combinar a cociña tradicional e a innovación”. “Síntome orgullosa cando vou fóra de Galicia de presentar as propostas destes grandes profesionais que viven as 24 horas mimando a nosa gastronomía”, concluíu.

Premio do Xurado

A proposta de Jorge Gago (A Maceta, Santiago) foi a gañadora do premio do xurado. Foi a única receita doce da noite, un Cheesecake actualizada a base de puré de framboesa e cereixa endurecido con pectina, sobre o que se deposita, nun molde, a crema da torta de queixo do Cebreiro con pemento, nata e azucre. O galardón decidiuno un grupo de expertos en turismo e gastronomía conformado por Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Áxel Smyth, chef do restaurante Auga e Sal, en Santiago de Compostela, recentemente

distinguido cunha Estrela Michelin; Paco Gómez, xefe de cociña do restaurante A Feira, en Ourense, elixido polo xurado profesional como Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia na gala celebrada no ano  2019; Alejandro Méndez, xefe de cociña do restaurante‐arrozaría Os  Cachivaches, de Lugo, elixido polo xurado popular como Mellor Cociñeiro na mesma edición; e Ana Prieto, especialista en fotografía gastronómica e responsable, xunto a Marco Soriano de  Tejada, do blog La Cocina es Vida, mellor blog desta temática en 2019 segundo Canal Cocina.


Premio do público

O público asistente á gala galardoou a proposta de Rubén González Vallejo, de El Cafetín (Pontevedra). A proposta de González é unha homenaxe ao mar. Mare Nostrum semella un  pequeno anaco de océano contido nunha mínima peixeira. Baséase no mexillón e o  berberecho, acompañados por unha selección de algas e herbas mariñas .


O concurso De Tapas por Galicia busca promover a creatividade gastronómica, especialmente  a presentada en pequeno formato, como elemento dinamizador do turismo urbano, no que  cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos  seus destinos tamén a través do padal. Os Camiños de Santiago foron o fío condutor da gala.

0 comentarios:

Publicar un comentario