jueves, 10 de septiembre de 2015

ENTRADAS AGOTADAS PARA A CITA COS VIÑOS DA D.O. RIBEIRO E CARLOS BLANCO, HOXE XOVES NA CIDADE DA CULTURA


Unha cata comentada de Casal de Armán, Reboreda, Viña Costeira e Pazo Casanova e a visita á exposición “Camiño. A Orixe” combinarán coa actuación do autor galego

 A Denominación de Orixe Ribeiro e Carlos Blanco, actor, autor e monologuista, suman forzas na terceira e derradeira actividade do programa Enocións by Ribeiro, que se vai celebrar mañá  xoves 10 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago, no Museo Centro Gaiás.

O grande interese do evento fixo que xa se esgotaran as entradas á venda para unha cita que comezará a partir das 19:00 horas e que conta con visitas guiadas á exposición Camiño como primeiro incentivo.

A continuación, Carlos Blanco ofrecerá un monólogo no que estarán moi presentes o mundo do viño e máis as emocións que se viven ao rematar o Camiño: ledicia, gratitude, optimismo… ao mesmo tempo que os asistentes poderán degustar referencias de catro destacadas adegas: Casal de Armán, Reboreda, Viña Costeira e Pazo Casanova, da man do director do Instituto Galego do Viño (INGAVI) e sumiller do restaurante Pepe Vieira, Xoán Cannas.

O programa Enocións by Ribeiro quere reflectir as emocións que xorden durante a peregrinación a Santiago, a través dos sentidos, harmonizando disciplinas artísticas cola degustación de catro viños da Denominación de Orixe que mellor expresa a esencia de Galicia.

Toda a información está no portal web www.movimientoribeiro.com

As sesións anteriores do Enocións by Ribeiro tamén rexistraron un cheo e contaron coa música de Guadi Galego, a gastronomía de Pepe Solla, as fotografías de Xurxo Lobato, a catadora Cristina Alcalá ou a animación de DJ Analís.

A exposición Camiño. A orixe, que vive os seus últimos días aberta, presenta unha selección de 150 obras de arte e 11 intervencións artísticas, para amosar unha visión contemporánea da ruta. Trátase dun proxecto dirixido por María García-Alén que se remonta no tempo ata o ano 820 d.C, co eremita Paio atopando a tumba do Apóstolo. Esta mostra conta con obras mestras de artistas como Durero ou Murillo, procedentes de institucións como a Galería Uffizi ou o Museo do Prado, e outras pezas dun alto valor cultural. Ademais, Camiño. A orixe complétase co proxecto Lugares xacobeos, intervencións artísticas realizadas por creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

Para o C.R.D.O. Ribeiro, estar presente dentro da familia de mecenas da Cidade da Cultura, e participar como patrocinador activo desta exposición sobre a orixe do Camiño de Santiago, é un paso máis cara a consolidación da marca Ribeiro no seu mercado vocacional, Galicia, o principal consumidor de viños D.O. Ribeiro. Esta histórica denominación remonta as súas orixes na viticultura ao Século X, cando a Orde do Císter púxoa en marcha dende o Mosteiro de San Clodio, en Leiro.  Estes viños milenarios tiveron o seu primeiro mercado en Compostela grazas ao Camiño de Santiago.

Dentro do seu plan estratéxico o C.R.D.O. Ribeiro continúa o seu planeamento de accións acordes á  historia, a profesionalidade na xestión, a busca da excelencia na calidade, e a potenciación da marca, unha das mais recoñecidas de España.

A Denominación de Orixe Ribeiro está a reforzar a imaxe do #movimientoribeiro coa súa presenza en facebook (www.fb.com/DenominacionOrixeRibeiro) twitter @CRDO_Ribeiro, e Instagram: crdo_ribeiro.

0 comentarios:

Publicar un comentario