Do 10 de febreiro ao 6 de marzo, 32 restaurantes da cidade ofrecerán menús coas tradicionais lacoadas
Coruñeses e visitantes
volverán gozar un ano máis das tradicionais lacoadas durante o Entroido grazas
ás VII Lacónicas - Xornadas gastronómicas do Lacón con Grelos que volverán
celebrarse un ano máis na cidade herculina.
Nesta ocasión, as Lacónicas celebraranse entre o 10 de febreiro e o 6 de marzo
e en total serán 32 restaurantes e locais hostaleiros os que participan con
prezos que van dos 19 aos 30€ e que inclúen a tradicional sopa, a lacoada e as
sobremesas con filloas, orellas ou rosquillas ademais da bebida.
Ademais, os distintos restaurantes ofrecen opcións para grupos que dependerán
das restricións sanitarias de cada momento, opcións para persoas celíacas para
as que se contou coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia, opcións
para levar e tamén posibilidade de entrega a domicilio. Todas as opcións e
menús poden consultarse no folleto das Xornadas.
As Xornadas Lacónicas son xa unhas xornadas distintas e singulares dentro da
programación habitual de eventos gastronómicos do Consorcio de Turismo da
Coruña, nas que se busca exaltar un produto clásico da cociña tradicional
galega no marco dunha festa tan querida polas coruñesas e coruñeses como é o
Entroido.
As Lacónicas enmárcanse dentro dos distintos programas postos en marcha polo Goberno
de Inés Rey para impulsar o turismo na Coruña, programas que a propia alcaldesa
presentou este mes en FITUR e que inclúen os eventos gastronómicos entre os
incentivos para aumentar o atractivo da cidade, xunto cun amplo programa
cultural que inclúe, de novo, a celebración de grandes concertos nacionais e
internacionais e de citas deportivas de primeiro nivel, como o partido da
Selección Española en Riazor tras 13 anos de ausencia da cidade.
Obradoiros
Tamén, nesta edición das Lacónicas, volverán a celebrarse os showcookings e
obradoiros infantís, polo que o vindeiro sábado 19 de febreiro haberá un
obradoiro no Mercado de Santo Agostiño que levará por nome "Optimización
do cocido. Trash-cooking, aproveitamento e responsabilidade" e correrá a
cargo do chef Pablo Pizarro. O obradoiro será de balde para adultos con ata 30
prazas e requerirá inscrición previa. Tamén o sábado 26 de febreiro no Mercado
da Praza de Lugo celebraranse dous obradoiros infantís gratuítos para cativos
de 5 a 10 anos con 15 prazas por obradoiro e que terán como requisito que os
participantes veñan disfrazados. Esa xornada
tamén terá degustación gratuíta de filloas e orellas e a música da comparsa
popular 'Monte Alto a 100'.
Ademais, dentro da política de sustentabilidade do Consorcio de Turismo e
Congresos da Coruña, as Xornadas Lacónicas Lacónicas contan coa colaboración de
Hostelería #PorElClima, o proxecto que impulsa a acción contra o cambio
climático no sector da hostalería apoiado por Coca-Cola e Hostelería de España.
O folleto destas VII Lacónicas con toda a información sobre os
obradoiros, establecementos e menús participantes está dispoñible na web turismocoruna.com.
0 comentarios:
Publicar un comentario