Os establecementos recibirán os seus galardóns na gala do martes 18 de xuño, que presentarán Xosé Antonio Touriñán e Ledicia Sola
A Denominación de Orixe Ribeiro debulla os gañadores das diversas categorías dos seus premios que se entregarán o martes 18 de xuño, a partires das 19:30 horas, no Mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense).
La Sucursal, de Lugo, recibirá o galardón á “Mellor tenda especializada – viñoteca”, tomando o relevo a La Tienda de Lino (A Coruña), que foi a agraciada no 2018.
La Molinera (Lalín) é recoñecido como “Mellor servizo de viño en restaurante”, o pasado ano premiouse a Bacelo Taberna Vinaria (Ourense).
Taberna A Curva, Portonovo, gaña o premio á “Mellor taberna – Bar de viños”, e sucede a Tamarindo (Ourense).
Estes tres locais súmanse a Paradores, “Premio de Honra”; aos programas de Televisión de Galicia Labranza e O Agro, “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación”; e a Isabel Mijares “Premio Muller e Viño”, da Denominación de Orixe Ribeiro.
Na Gala, guiada polos actores Ledicia Solae Xosé Antonio Touriñán, tamén vaise entregar o premio “Vida entre Vides” –á traxectoria ligada á D.O. Ribeiro- e recoñeceranse os mellores viños brancos e tintos, de adega e máis de colleiteiro.
O evento é unha celebración arredor dos viños da Denominación de Orixe con máis historia de Galicia que reivindica o traballo de todos os que os fan posibles e reúne aos profesionais das distintas pólas do sector.
ABANCA colabora na organización dos Premios D.O. Ribeiro 2019.
Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Está conformada por 111 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.
A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.220 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.700 viticultores.
Produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.
A produción da colleita 2018 na Denominación de Orixe foi de 9 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é de viño branco e o 8% de viño tinto.