O acto estivo organizado polo Concello de Narón que con esta
acción pretende dar a coñecer as excelencias culinarias destes dous produtos
que se cultivan na súa horta
Co
fin de achegar aos profesionais da gastronomía e ao público en xeral as
cualidades excepcionais do Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, dúas
hortalizas que se cultivan no agro naronés, o Concello de Narón en colaboración
coa D.O. Ribeiro e o chef Iñaki Bretal, cociñeiro do prestixioso Grupo Nove, celebraron
hoxe no emblemático restaurante pontevedrés “Eirado da Leña” un Showcooking no
que se salientou a versatilidade, sabor e calidade destes dous produtos.
No
acto, que contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández
Lores, Pablo Villamar, concelleiro de Promoción Económica de Narón e promotor
da iniciativa, e Benito Castro, Presidente da Cooperativa do Campo Galego O
Val-Narón, entidade que aglutina aos
produtores que cultivan estas hortalizas, o chef Iñaki Bretal amosou o uso do
Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago como ingredientes exclusivos da cociña
tradicional e de vangarda cun Showcooking denominado “Horta de Narón”, no que
se representou a través dunha orixinal
composición culinaria toda a riqueza deste agro da comarca ferrolá e na que o
pemento e o tomate negro acadaron todo o protagonismo.
Concerto de
sabores
Iñaki
Bretal fixo unha proposta creativa na que se exaltaron de forma harmónica
moitos ingredientes da horta naronesa, integrando nun todo os diferentes sabores
dos produtos desta terra, para sacar á luz as súas mellores cualidades.
Dende
as flores do tomate ata os talos do pemento, os froitos da fértil terra
naronesa apareceron representados nesta proposta gastronómica na que o cociñeiro
do Grupo Nove puxo de manifesto a súa mestría.
Tras
o Showcooking desenvolveuse un ágape ao que asistiu unha representación do
concello de Narón e a Orde de Donas e
Cabaleiros do Pemento do Couto, cuxo
obxectivo é promocionar e difundir a calidade do Pemento do Couto
O Pemento do
Couto e o Tomate Negro de Santiago
O
Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago son produtos locais de gran
calidade que actualmente cultiva e comercializa en toda Galicia a Cooperativa
do Campo Galego O Val Narón na súa aposta pola recuperación e posta en valor de
variedades autóctonas.
A
Cooperativa produce dende hai anos o Pemento do Couto, unha hortaliza xa
consolidada na mercado, que conta coa
Indicación Xeográfica Protexida e que se caracteriza polo seu excelente
sabor e propiedades, entre elas, a súa docura e que non pica. Na campaña deste
ano, que vai desde xunio a outubre, a entidade espera comercializar uns 140.000
paquetes de pementos de 400 gramos cada un.
Continuando polo camiño da
recuperación e revalorización das hortalizas locais, desde o ano pasado a
Cooperativa tamén produce o Tomate Negro de Santiago, un tomate cun alto grao
de azucres e acidez e excelente sabor que se está introducindo pouco a pouco
con moito éxito.
Con estes dous produtos, a
Cooperativa do Campo Galego O Val-Narón quere chegar ao consumidor que busca
produto galego de calidade, cansado das variedades foráneas.