jueves, 17 de julio de 2014

O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago protagonistas hoxe dun Showcooking no restaurante pontevedrés “Eirado da Leña”



O acto estivo organizado polo Concello de Narón que con esta acción pretende dar a coñecer as excelencias culinarias destes dous produtos que se cultivan na súa horta
  
Co fin de achegar aos profesionais da gastronomía e ao público en xeral as cualidades excepcionais do Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, dúas hortalizas que se cultivan no agro naronés, o Concello de Narón en colaboración coa D.O. Ribeiro e o chef Iñaki Bretal, cociñeiro do prestixioso Grupo Nove, celebraron hoxe no emblemático restaurante pontevedrés “Eirado da Leña” un Showcooking no que se salientou a versatilidade, sabor e calidade destes dous produtos.

No acto, que contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Pablo Villamar, concelleiro de Promoción Económica de Narón e promotor da iniciativa, e Benito Castro, Presidente da Cooperativa do Campo Galego O Val-Narón,  entidade que aglutina aos produtores que cultivan estas hortalizas, o chef Iñaki Bretal amosou o uso do Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago como ingredientes exclusivos da cociña tradicional e de vangarda cun Showcooking denominado “Horta de Narón”, no que se representou  a través dunha orixinal composición culinaria toda a riqueza deste agro da comarca ferrolá e na que o pemento e o tomate negro acadaron todo o protagonismo.
Concerto de sabores
Iñaki Bretal fixo unha proposta creativa na que se exaltaron de forma harmónica moitos ingredientes da horta naronesa, integrando nun todo os diferentes sabores dos produtos desta terra, para sacar á luz as súas mellores cualidades.

Dende as flores do tomate ata os talos do pemento, os froitos da fértil terra naronesa apareceron representados nesta proposta gastronómica na que o cociñeiro do Grupo Nove puxo de manifesto a súa mestría.

Tras o Showcooking desenvolveuse un ágape ao que asistiu unha representación do concello de Narón e a Orde de Donas e Cabaleiros do Pemento do Couto, cuxo obxectivo é promocionar e difundir a calidade do Pemento do Couto

O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago
O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago son produtos locais de gran calidade que actualmente cultiva e comercializa en toda Galicia a Cooperativa do Campo Galego O Val Narón na súa aposta pola recuperación e posta en valor de variedades autóctonas.

A Cooperativa produce dende hai anos o Pemento do Couto, unha hortaliza xa consolidada na mercado, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida e que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre elas, a súa docura e que non pica. Na campaña deste ano, que vai desde xunio a outubre, a entidade espera comercializar uns 140.000 paquetes de pementos de 400 gramos cada un.

Continuando polo camiño da recuperación e revalorización das hortalizas locais, desde o ano pasado a Cooperativa tamén produce o Tomate Negro de Santiago, un tomate cun alto grao de azucres e acidez e excelente sabor que se está introducindo pouco a pouco con moito éxito.

Con estes dous produtos, a Cooperativa do Campo Galego O Val-Narón quere chegar ao consumidor que busca produto galego de calidade, cansado das variedades foráneas.






0 comentarios:

Publicar un comentario