Este festival unirá sabores, música e produto de proximidade coa promoción do viño da Denominación de Orixe Ribeiro
Os concellos de A Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle serán sedes da terceira edición do “Espírito Ribeiro”, festival de sabores, música, mercado e produto de proximidade. Un evento que foi presentado hoxe martes no parque náutico de Castrelo de Miño polos alcaldes a Arnoia, Rodrigo Aparicio; Castrelo de Miño, Avelino Pazos; e Cenlle, Rebeca Sotelo; quen estiveron acompañados pola vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Novoa; o director do AGACAL, José Luís Cabarcos; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares.
O primeiro edil de Castrelo de Miño falou en nome dos tres alcaldes para agradecer a colaboración de Deputación, Xunta e da Denominación de Orixe Ribeiro na organización deste festival. “Tres concellos irmáns démonos a man para promocionar o viño da denominación de orixe Ribeiro, que é o motor económico da nosa comarca. O fin é promocionar o viño, os produtos de proximidade, a gastronomía e os deportes náuticos aquí en Castrelo de Miño”, asegurou Avelino Pazos.
Pola súa banda, na súa primeira visita oficial a Castrelo de Miño a vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa. comprometeu “total colaboración con estas actividades que promocionan o noso patrimonio natural, vitivinícola e cultural” e desexou “que nos acompañe o tempo”.
Para o director do AGACAL, José Luís Cabarcos, “Espírito Ribeiro” é unha “oportunidade de xuntar tres concellos, que buscan sinerxias para compartir un territorio, unha paisaxe e un produto como é o viño. Todo isto combinado cun festival de sabores, música e mercado de proximidade a nós nos parece unha oportunidade excepcional”. Neste sentido, fixo fincapé en que os mercados de proximidade son “unha medida importante para a xeración de riqueza no territorio, circuítos cortos que pensamos que son unha oportunidade magnífica para que os viticultores amosen as súas produción e poidan explicar a riqueza que temos neste territorio”.
Finalmente, o director de Turismo de Galicia destacou que “Espirito Ribeiro” é un evento que “aglutina as tres principais motivacións polas que o turismo se achega a Galicia: a natureza (onde os territorios naturais da comarca do Ribeiro son excepcionais), a enogastronomía e a cultura”. Xosé Manuel Merelles indicou que o festival volve a contar co apoio do Goberno galego xa que supón un importante reclamo turístico e xera un impacto positivo nas economías dos concellos participantes
Escaparate perfecto para as terras do Ribeiro
Finalmente, o coordinador de “Espírito Ribeiro”, Juan Rivas, explicou que “este innovador festival, que fusiona sabores exquisitos, músicas envolventes e un mercado cheo de produtos locais, consolídase un ano máis como o escaparate perfecto para as terras do Ribeiro e o seu tesouro máis prezado: o viño con Denominación de Orixe Ribeiro. Durante tres días, do 1 ao 3 de setembro, a rexión mergullarase nun ambiente de celebración, promovendo as virtudes que fan da D.O. Ribeiro un emblema cultural e culinario”.
Para Juan Rivas, "Espírito Ribeiro" é moito máis que un festival, “é unha experiencia que abarca a esencia mesma da D.O. Ribeiro. O corazón do evento late nun vibrante mercado onde os produtos autóctonos e a artesanía local toman o centro do escenario, rendendo homenaxe á proximidade e á autenticidade. Doutro lado está a música que eleva a alma, as risas que enchen o aire e os trucos de maxia que asombran”.
Así, explicou que a programación de "Espírito Ribeiro" foi deseñada meticulosamente para ofrecer algo para todos. Desde as melodías cativadoras da Real Banda de Gaitas de Ourense, que contarán coa colaboración da cantante Lucía Pérez, ata a destreza musical de Xabier Vizcaíno, os éxitos interpretados por Wondercovers e Top Secret, os ritmos contaxiosos da Banda de Nash, e a maxia fascinante do Mago Teto xunto co encanto de Carole Kings, e Dr. Slump con un magnífico repertorio de música pop. Todos únense en harmonía para deleitar a un público diverso.
Programación
A xornada inaugural do venres 1 de setembro terá lugar en A Arnoia e abrirase cunha actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense, coa cantante Lucía Pérez que interpretará Égloga Operística Pastora da Serra Sola. Xabier Vizcaíno, coa súa banda ao completo, fará un repaso das súas composicións. Finalmente, o grupo de versións Wondercovers deixará a súa pegada no festival cun extenso repaso polos mellores temas da historia do rock.
O sábado 2 de setembro, o festival de sabores trasladarase a Castrelo de Miño. Aló, a cantante coruñesa Carolina Rubirosa porá a nota máis íntima co seu pop acústico. Despois a Banda de Nash e Top Secret, grandes referentes galegos coma bandas de versións, farán as delicias dos visitantes.
A sesión final, o domingo 3 de setembro, terá lugar en Cenlle. O Mago Teto será o encargado de abrir a xornada cun espectáculo de maxia para todos os públicos seguida da actuación de Carole Kings, cunha coidada selección de éxitos do pop. Finalmente, o grupo Dr. Slump porá o broche de ouro á xornada con clásicos da música pop dos oitenta e os noventa en español.
"Espírito Ribeiro" está organizado polos Concellos de A Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle, e conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Dispón da colaboración da Denominación de Orixe Ribeiro, Abril, Bétula Cars, Cabreiroa, Caldaria Hoteles y Balnearios e Gadis.
0 comentarios:
Publicar un comentario