Bodega Alanís presentou onte o seu viño branco Gran Alanís 2021 da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para unha sala con aforo completo na última sesión da oitava edición do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, o viño estivo acompañado polo ilusionismo da compañía galega Magia en la Manga, cun prodixioso espectáculo utilizando cartas, copas de vidro, panos, bólas… e moito mentalismo, así como de bocados gastronómicos que harmonizaron á perfección. O evento tivo lugar na sala un da planta Baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a mostra ‘Dimensión social dunha erótica da arte’ do artista César Taboada.
Ilusionismo Gran Reserva, da compañía ‘Magia en la Manga’ ofreceu aos asistentes unha proposta elegante e orixinal para enriquecer con máis aromas e sabores unha experiencia vitivinícola da máis alta calidade. O encanto propio da sala do Centro Cultural xunto coas sensacións da degustación do viño branco Gran Alanís e as impresións exclusivas da maxia confluíron nunha maridaxe harmónica que non deixou indiferente a ningún asistente.
Fundada no 1910, Bodega Alanís leva máis de 100 anos creando viños singulares e de calidade. O segredo dos seus longos anos de bo facer: unha coidada selección de uva en orixe, potenciando as variedades autóctonas, como a Treixadura e o Godello e un refinado proceso de elaboración fusionando a tradición e a vangarda tecnolóxica.
Nesta oitava edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para Asociación Ourensana de Esclerosis Múltiple, Párkinson y Enfermedades Raras (AODEMPER), organización sen ánimo de lucro que leva dende 1996 ao carón das persoas con Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermedades Raras da provincia de Ourense e das súas familias. Algúns dos servizos que ofrecen son os de psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, traballo social e educación social. Todas as persoas que apoiaron esta iniciativa participaron nun sorteo de botellas de viño das adegas e merchandising da D.O. Ribeiro e do Centro Cultural.
O vindeiro mes de xaneiro entregarase o cheque solidario coas aportacións de todos os asistentes durante as cinco xornadas que abrangueu o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Viño e arte
O ciclo rematou onte coa súa última sesión e celebrouse durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 3 de novembro ata o 1 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo estivo limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas foron cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.
0 comentarios:
Publicar un comentario