Na Gala Show Cooking celebrada hoxe en Santiago, logrou tanto o premio do xurado
profesional como o galardón do público.
Representando a Pontevedra, o cociñeiro Rubén González
Vallejo, de El Cafetín, gañou este serán a cuarta edición do certame De Tapas por Galicia, tras
competir na Gala Show Cooking organizada por Turismo de Galicia e celebrada en Santiago. O
xurado profesional, formado por cinco profesionais relacionados co turismo e a gastronomía,
considerou que o seu petisco, Vieira afumada carballolaurel sobre arroz de algas, foi o mellor
das sete propostas elaboradas polos chefs finalistas, gañadores dos concursos locais de tapas
das sete cidades galegas. González Vallejo convértese, así, no Mellor Cociñeiro de Tapas por
Galicia 2018. Ademais, fíxose tamén co Premio do Xurado Popular, ao ser o máis votado polo
público asistente, integrado por expertos do sector, asociacións, xornalistas e blogueiros, e
que valorou tanto a presentación como o sabor de cada unha das receitas. Os votos do público
situaron en segundo lugar a tapa de Alejandro Martínez Lázare, de Lugo (Arrozaría Os
Cachivaches) e, en terceiro posto, a de Rafael Pérez Iglesias, de Vigo (La Carpintería).
A Gala Show Cooking De Tapas por Galicia forma parte das accións de Turismo de Galicia para
a difusión da creatividade dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo
urbano. Conducida pola presentadora María Cheda, contou coa presencia da conselleira do
Mar, Rosa Quintana, que pechou o acto, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,
encargada de inaugurala, e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias
Agroalimentarias, Belén do Campo. No evento, os cociñeiros participantes remataron a
elaboración dos seus pratos en directo, explicando o seu proceso de creación.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que De tapas por Galicia permite coñecer de
preto o talento galego e as novas tendencias culinarias e é un escaparate da riqueza
gastronómica de Galicia. Así mesmo, indicou que o tapeo aposta por potenciar as
singularidades identitarias galegas e que combina á perfección os sabores tradicionais e as
novas elaboracións.
Pola súa banda, Nava Castro salientou o crecente papel da enogastronomía na estratexia
turística galega e puxo en valor o gran potencial de Galicia neste eido, representado nas súas
máis de 300 festas gastronómicas, cinco delas co recoñecemento de Interese Turístico
Nacional, así como os 11 restaurantes Estrella Michelín ou os 37 Soles Repsol.
0 comentarios:
Publicar un comentario