martes, 15 de mayo de 2018

GADIS REFORZA A SÚA CONTRIBUCIÓN Á DIFUSIÓN DA NOSA CULTURA CUN PROGRAMA DE ACCIÓNS NO MARCO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS



  • A compañía homenaxea a María Victoria Moreno, cuarta muller distinguida co maior recoñecemento da literatura galega

  • Os supermercados de Galicia regalarán, ata fin de existencias o 16 de maio, 30.000 exemplares de “Papá Bolechas doa sangue” dirixidos ao público infantil

Supermercados Gadis ratifica o seu firme compromiso coa cultura e, especialmente, coa difusión do galego mediante un programa de accións que toman como marco a celebración do Día das Letras Galegas, co que a compañía sempre mantivo unha ligazón especial.

Neste 2018, Gadis rende homenaxe á autora conmemorada o vindeiro 17 de maio, María Vitoria Moreno, e introduce, como novidade, unha vertente solidaria mediante a redifusión dun libro de Os Bolechas, que poderán obter os clientes de Galicia de forma gratuita o 16 de maio ata fin de existencias.

María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939-2005), estremeña de nacemento e galega de adopción, é a cuarta muller, despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño que é distinguida no día grande da literatura en galego desde a súa instauración en 1963.

Gadis réndelle tributo coa entrega aos seus clientes de 50.000 marcapáxinas que inclúen un dos poemas de “Elexías de luz” e a distribución de máis de dous millóns de bolsas cun fragmento de “Diario da luz e a sombra”.

Elexías de luz”, publicado de forma póstuma, amosa outra faceta da autora, máis coñecida pola súa obra en prosa, entre a que destaca “Anagnórise”, unha das creacións máis populares da narrativa xuvenil en galego. “Diario da luz e a sombra” é un ensaio no que Moreno recolle en primeira persoa a súa experiencia nos últimos anos de vida. Pedro Ferriol, viúvo da escritora, glosou a figura de quen, namorada da nosa terra e a nosa lingua, sentiunas como propias.

Por outra banda, Gadis lanza unha reedición de 30.000 volumes de “Papá Bolechas doa sangue”, protagonizado pola popular familia creada polo ilustrador e deseñador Pepe Carreiro. Nesta ocasión os seis irmáns protagonistas ceden o espazo principal ao seu pai, que acode a doar sangue a unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

A obra, dirixida a un público infantil, fai fincapé no carácter necesario, solidario e gratuíto da doazón. Con espírito divulgador, o libro detalla os pasos que se seguen e os requisitos necesarios -idade, peso, tensión-, sempre baixo supervisión médica, ademáis de trasladar de forma amena as características e propiedades dos compoñentes do sangue.

A compañía leva publicados máis de 300.000 libros en galego nos últimos 15 anos, nunha mostra da súa extensa contribución á difusión da literatura da nosa comunidade autónoma.

As accións ó fío do Día das Letras Galegas enmárcanse no plan de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA, que no último exercicio consignado participou en máis de 2.100 iniciativas entre as que destacaron, cun 31%, as de índole cultural.

FRAGMENTO DE ELEXÍAS DE LUZ (2006)

Na fonte fonte dos nenos
 bebía una pomba branca.
 …Fala a auga.

 Na fonte fonte dos risos
 xemía una nena pálida.
 …Fala a auga.

 Na espiña espiña da rosa
 revoaba a voz das aves.
 …Treme o aire.

 Na espiña espiña do toxo
 vin cinco pingas de sangue.
 …Treme o aire.

 No bico bico do outeiro
 sorría una luz fermosa.
 …Pasa a sombra.

 No bico bico da albura
 espreitaba a ollada torva.
 …Pasa a sombra.

FRAGMENTO DE DIARIO DA LUZ E A SOMBRA (2004)

A verdade é que esta vida é unha cousa estraña… Dá éxitos ós que queren amor, dá amor ós que queren diñeiro, dá diñeiro ós que queren comprensión… E dá todo cando menos se espera, mesmo cando as mans xa non teñen azos para recibilo. Con todo, qué bonita é a vida….

0 comentarios:

Publicar un comentario