miércoles, 21 de enero de 2015

A ENTREGA DOS PREMIOS DO SANTIAGO(É)TAPAS AMOSOU A EXCELENCIA DA HOSTALERÍA COMPOSTELÁ



 A Tafona, Manso, O Afiador, A Moa, A Grella, Venecia, Artesana, Caney by Siro González, La Bodeguilla de San Roque e Susos foron os galardoados no certame de petiscos da hostalería santiaguesa

O concurso Santiago(é)Tapas deu a coñecer os premiados da súa sétima edición nun acto desenvolvido no Parador Hostal dos Reis Católicos que reuniu os profesionais da hostalaría compostelá, patrocinadores, colaboradores, xornalistas, membros do xurado e autoridades.


Listaxe de premiados

O Premio do xurado á Mellor Tapa 2014 foi para A Tafona, con Moengas, cogomelos e Touza Vella, o premio está dotado con 1.000 euros, un curso de inglés orientado á hostalería e un lote de produtos gastronómicos.

O primeiro premio á Tapa Creativa 2014 foi para Manso, con Sopa Express, o premio conta con 500 euros. O segundo premio á Tapa Creativa 2014 recaeu no Caney by Siro González, con Outono; que recibe 300 euros.

O primeiro premio á Tapa Tradicional 2014 foi para O Afiador, por Vaca3; o premio conta con 500 euros. O segundo premio á Tapa Tradicional recaeu  en La Bodeguilla de San Roque, con Quiche de lacón con grelos e quixo Arzúa-Ulloa, merecente de 300 euros.

O xurado profesional do Santiago(é)Tapas decidiu que o gañador ao Premio Tapa Estrella Galicia é A Moa, por “Perrito quente” de lebre como petisco que mellor marida coa cervexa 1906 Black Coupage. O galardón leva consigo 500 euros en produtos de Hijos de Rivera

O Primeiro Premio Tapa do Público ´14 foi para A Grella, co seu petisco Brotes Verdes, o galardón conta con 800 euros. Pola súa parte, Susos e a súa tapa Negro Lambón levaron o Segundo Premio de Tapa do Público 14  e 400 euros.

O Premio (é)XCELENTE 2014 recaeu en Venecia, que recibe 400 euros por ser o establecemento mellor valorado polos clientes como experiencia global no concurso.

O Premio á Tapa con máis Chispa, da man de Coca Cola Iberian Partners, é para Artesana con Unha cunca de viño.

Na cita tamén se desvelaron as dúas fotografías gañadoras do concurso en redes sociais no que Turkish Airlines premiou a interacción e creatividade con viaxes de ida e volta a Turquía; e realizouse o sorteo para outra viaxe entre todos os que deixaron os seus datos no pousavos que serve para avaliar os distintos petiscos.

Datos do concurso

A sétima edición do Santiago(é)Tapas funcionou como un auténtico revulsivo para a hostalaría compostelá no mes de novembro. Durante 17 días, 69 establecementos embarcáronse neste concurso no que se presentaron 111 tapas distintas, que foron moi ben acollidas entre uns clientes que destacaron a súa calidade.

Servíronse un total de 31.000 petiscos a 2 euros. Esta cifra coloca nas 203.000 as tapas consumidas nos sete anos do certame.

Fóra deste cómputo están as creacións servidas no Santiago(é)Noite, a oferta complementaria de hostalaría nocturna.

O certame Santiago(é)Tapas está promovido e organizado pola Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca; o seu Patrocinador Institucional é Turismo de Santiago; o seu Patrocinador Especial é a Denominación de Orixe Ribeiro, con seis referencias: Pousadoiro (Fernández Rodríguez, S.C.), Casal de Armán branco (Casal de Armán, S.L.), Beade Primacía (A Portela, S.A.T.), Alberte (Bodegas Nairoa, S.L.), Valdepuga (Valdepuga, S.L.) e Terra do Castelo Treixadura (San Roque, S.C.G.).

Santiago(é)Tapas conta tamén como patrocinadores con Cash Record e Coca Cola; como colaboradores especiais, ás cervexas 1906 de Hijos de Rivera e Turkish Airlines; e como colaboradores, a Abanca, Mercado de Abastos e Santiago (é) Noite.
 

0 comentarios:

Publicar un comentario